A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o castelo de Pambre, e salientou a importancia das obras de rehabilitación que levou a cabo o departamento que dirixe para que “este monumento da comarca da Ulloa poida estar aberto ao público para posibilitar a visita a este ben de interese cultural que ademais de ser un dos poucos exemplos da arquitectura militar do medievo galego que se conservan, tamén é un punto de interese significativo para os peregrinos”.
Na súa estadía en Palas de Rei, Nava Castro lembrou as actuacións que levou a cabo o departamento que dirixe no castelo de Pambre, que contaron cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros. Deste xeito, realizáronse importantes obras de rehabilitación que incluíron intervencións arqueolóxicas, recuperación das estruturas murais, mellora do acceso ás principais zonas da fortificación e a rehabilitación da zona residencial existente.
Asemade, Turismo de Galicia executou actuacións complementarias aos principais traballos de rehabilitación para facilitar as visitas, a visión do castelo e a súa seguridade. Neste sentido, colocáronse varandas de seguridade nos desniveis dos percorridos entre a muralla e as torres e instalouse iluminación exterior, así como un pararraios. Estas obras incluíron tamén a instalación de sinais para facilitar a comprensión do edificio, os seus percorridos a os elementos singulares, así como as diferentes estancias. Por outra parte, reconstruíuse o hórreo existente e cubríronse as pasarelas entre as murallas das torres e o torreón para facilitar o percorrido exterior en condicións climatolóxicas adversas.
Centro de interpretación
Unha das actuacións máis importantes incluídas nestas obras de rehabilitación do castelo de Pambre foi, segundo manifestou Nava Castro, “a dotación dun centro de interpretación integrado en catro salas distintas para albergar unha proxección multimedia, a ilustración da relación do castelo co medio físico e natural, facendo fincapé co vínculo que ten co Camiño de Santiago, información sobre a Idade Media galega relacionada coas familias nobiliarias e o poder eclesiástico e, finalmente un espazo destinado ao propio Castelo e á súa historia ata os nosos días”, engadiu a directora de Turismo de Galicia.