As xogadoras do Pescados Rubén Burela FS que lograron o título de liga tras vencer ao Atlético Navalcarnero (2-0) este mércores no pavillón de Vista Alegre, en Burela visitaron esta mañá o torques do Museo Provincial de Lugo.
As xogadoras laranxas, que viaxaron coa copa que as acredita como campioas da máxima competición estatal por sexta vez, aproveitaron a visita para achegarse ata a sala de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo, que alberga o torques de Burela, unha das pezas máis senlleiras do patrimonio provincial, referenciada no deseño do escudo do concello e tamén do club.