A voceira do BNG visitou en Friol varios proxectos innovadores e sustentables no medio rural, promovidos por mulleres, que a líder do BNG puxo como exemplos de que “é posible un rural vivo e con futuro” .
Pontón destacou que “o 90% do territorio é rural e ten o 40% da poboación e, polo tanto, non pode entenderse Galiza sen o rural. Queremos un medio rural vivo”, salientou, por iso o BNG propón un plan estratéxico para un rural vivo e con futuro.
Para a voceira do BNG o obxectivo será conseguir “un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria. Producir alimentos de calidade é clave como acabamos de ver na pandemia”, argumenta.
Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.
Tamén, segundo a voceira nacionalista, a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido e conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego son outros dos puntos que destacou se deben implementar no rural galego.