O terceiro episodio da serie-documental Adegas da Memoria falará da vida na Ribeira e a cultura fluvial, así como a transformación que sufriron coa construción dos embalses nos anos 60. Farao a través de testemuñas de veciños de Vilachá, parroquia da Pobra do Brollón no corazón da Ribeira Sacra.
O episodio estará dispoñible online este xoves 18 a partir das 20:00. “Queremos amosar como os embalses e a consecuente modificación do río Sil, transformou totalmente a vida ribeirá, dende a actividade pesqueira ata as relacións entre os veciños de ambos lados do río” explica Iago Seoane, un dos realizadores da serie.
A serie documental Adegas da Memoria enmárcase nun proxecto homónimo que propulsa o Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá para dinamizar a parroquia dende a perspectiva dos veciños. Ademais, coa colaboración do Incipit-CSIC, estase a realizar o primeiro gran estudo multidisciplinar sobre as orixes da Ribeira Sacra.
O episodio 3 que se estrea esta semana é o penúltimo da primeira tempada, ‘A Humanidade do Patrimonio’, na que son os veciños os que presentan ao espectador o seu territorio. O prólogo da serie e os dous primeiros episodios (Nacer viño e Somos soños) teñen cerca de 4.000 visualizacións.
“Trátase de ofrecer unha visión distinta da Ribeira Sacra, máis alá da prototípica imaxe de postal, e a cantas máis persoas podemos chegar, mellor”, comenta o técnico de cultura do Concello, Xosé Gago. “Nun momento tan crucial para a Ribeira Sacra pensamos que é fundamental dar voz e poñer o foco nas persoas que viven e traballan aquí.”