As persoas que participan no programa formativo para a recuperación da produción de viño no territorio da futura IXP Terras do Navia, financiado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, realizaron o pasado 27 de novembro unha visita didáctica e de intercambio ao territorio da indicación xeográfica protexida Barbanza-Iria.
Durante as actividades formativas e de intercambio, desenvolvidas ao longo da xornada, tiveron ocasión de coñecer de primeira man proxectos enraizados na tradición vitivinícola do territorio da IXP Barbanza-Iria, postos en marcha por persoas que comparten unha arela común: o respecto pola tradición histórica da vitivinicultura no seu territorio e o afán pola súa recuperación e desenvolvemento futuro como fórmula de mantemento dun rural vivo.
Así visitaron en primeiro lugar as instalacións, e viñedos, da adega Torres Augusti na parroquia de Cordeiro, no concello de Valga (Pontevedra). Durante esta visita o propietario da mesma, Manuel Bandín, relatou as orixes da súa aposta pola elaboración de viños da zona, a instalación de viñedos, os viños brancos elaborados…
Continuouse a viaxe de intercambio facendo parada en Cabo de Cruz, no concello de Boiro (A Coruña), para visitar a adega C.A. Saborido, onde Antonio Saborido compartiu os seus esforzos polo mantemento e recuperación de viñedos antigos, algúns con cepas prefiloxéricas, con castes autóctonas como o Caiño Tinto, ou Raposo (Branca Lexítima), cultivadas en emparrado baixo e algunhas plantadas en terreos areosos a rente do mar, as distintas elaboración de viños tintos, brancos, rosado, etc.
A viaxe completouse na Pobra do Caramiñal (A Coruña) coa visita á adega Entre Os Ríos onde Francisco Crusat, fundador e impulsor do proxecto, e o seu fillo José Crusat partillaron as súas experiencias dende a recuperación de viñedos con castes autóctonas, a creación da adega e as distintas liñas de elaboracións que están a facer, así como a investigación noutras elaboracións que buscan desenvolver toda a potencialidade das súas uvas e bo facer: escumantes, en talla de barro… Polo medio houbo tempo para celebrar un xantar de traballo, e de confraternidade, con estes adegueiros, e partillar experiencias na creación da indicación xeográfica protexida e nas ideas de proxectos de futuro.