O persoal sanitario e algúns usuarios da sanidade pública de Viveiro, concentráronse durante o día de hoxe e xa é habitual os mércores, diante do Centro de Saúde da localidade lucense para esixir a retirada do anteproxecto de lei “que pretende borrarnos do mapa como Área Sanitaria”. A veciñanza reclama capacidade de xestión dende a comarca, para deste xeito “ofrecer unha prestación sanitaria de proximidade”.
A modificación da Lei de Saúde, formulada polo PP na Xunta de Galicia, denuncian, o que prentende “é centralizar
no gran hospital as intervencións cirúrxicas e as probas diagnósticas”. Rexeitan, dende a plataforma Viveiro, Somos unha Área, pertencer a Área Sanitaria de Lugo, xa que iso significa centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos da cidadanía da Mariña cara Lugo. “A Mariña precisa ser un área propia con capacidade de decisión tal e como o é a Comarca do Ferrol”, sentenzan.
Veciñas e veciños entenden que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas “políticas de desmantelamento da sanidade pública” -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.
O acto de protesta rematou na Praza do Concello, onde penduraron unha pancarta no balcón e fixeron un chamamento a “participar de xeito masivo na concentración que terá lugar mañá xoves 30 de novembro, ás 20,30 h, na Praza da Fontenova en defensa da área sanitaria e contra os recortes na sanidade pública da comarca”.