Viveiro, indemnizado pola promotora que causou o derrube de vivendas no Celeiriño

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro condenou á promotora Inmo Xerión, a un arquitecto superior e a dous arquitectos técnicos a pagar ao Concello de Viveiro, un total de 429.560 euros polos danos que tivo que asumir tras a cesión, en outubro de 2008, dun muro pantalla levantado para construír un edificio de 37 pisos no Celeiriño. As entidades mercantís Euromontaxe Profesional e Irmáns Pigueiras foron absoltas ao non acreditarse que actuasen de forma neglixente.

As obras provocaron o desaloxo de veciños e o derrube de vivendas do barrio. O Concello será indemnizado, principalmente, polo custo da demolición dos inmobles, o aluguer de apartamentos para os prexudicados desaloxados e a compra de novos pisos para os afectados cuxas casas foron declaradas en ruínas.

O xuíz considera acreditado no fallo, contra o que cabe presentar recurso de apelación, ante a Audiencia Provincial de Lugo, que a causa e o desencadeante dos danos que sufriu a zona foi “o proceso construtivo levado a cabo polos demandados”.

O maxistrado destaca que esta conclusión, ademais de polos informes periciais, está “avalada pola lóxica”, xa que os veciños testificaron que os danos comezaron co inicio das obras. A sentenza tamén resalta que a “situación de precariedade” do chan no que se asenta o barrio do Celeiriño non é “xurídicamente unha causa do sinistro”, senón unha situación que debía de ser tida en conta polo arquitecto superior á hora de elixir a técnica construtiva apropiada.

O fallo conclúe que o arquitecto non tivo en conta “as condicións do terreo lindeiro ao da obra para elaborar o seu proxecto”. O xuíz, ademais, subliña que antes do inicio dos traballos era “público e notorio o mal estado do barrio”.

En canto á responsabilidade dos dous arquitectos técnicos, sinala que é “evidente” que actuaron “de forma altamente neglixente”, pois non tomaron “ningunha medida para determinar que estaba a suceder na obra e cal era a orixe do consumo excesivo de formigón”. A promotora condenada, segundo consta na sentenza, tras a aparición dos primeiros “problemas serios” relacionados coa excavación, proseguiu coa edificación “sen adoptar todas as cautelas” para liquidalos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com