Viveiro quenta motores para o Resurrection Fest

Scorpions, Kiss, Megadeth, Prophets of the Rage… son só catro dos 100 artistas que este ano conforman o cartel  do Resurrection que, a pesares de ter lugar en xullo, celebrou hoxe a súa presentación oficial no Pazo de San Marcos. Catro escenarios duns 25 metros de longo, varias zonas de acampada e artistas internacionais serán os protagonistas dun festival que pon á Mariña e, sobre todo, ao Concello de Viveiro, no mapa.

Así  o presentaron hoxe o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o Director e a Xefa de Persoal do Resurrection Fest, Iván Méndez e Iria Quelle. O festival terá lugar do 11 ao 14 de xullo no municipio mariñán, co apoio principal da Deputación e do Concello de Viveiro.

O Goberno Provincial converte á Deputación na institución que máis colabora co Resurrection Fest cunha achega de 130.000 euros. Pola súa parte, o Concello de Viveiro cede os terreos para a organización do festival e pon a disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). Os organizadores conseguiron unha subvención de 50.000 euros de AGADIC, axencia pública adscrita á Consellería de Cultura, tras participaran nun proceso de concorrencia competitiva e presentar este grande proxecto, avalado dende sempre por Concello e Deputación de Lugo para facer posible a súa celebración.

Neste senso, o Presidente destacou que “dende o Executivo Provincial case triplicamos a nosa colaboración en comparación coa Xunta de Galicia, aínda sendo esta última a que ten competencias directas en Cultura, e cando a administración autonómica ten 100 veces máis de presuposto. E o facemos porque consideramos que esta achega non é un gasto, senón un investimento para toda a provincia”.

A Alcaldesa engadiu que “os inicios deste festival, 100% viveirense, que vai medrando ano a ano, foron moi complicados. Gustaríame lembrar a Melchor Roel porque el foi o pioneiro e o que soubo ver a grande proxección do Resu, que outros non quixeron apoiar e incluso criticaron, aqueles que hoxe se quitan fotos co festival porque agora é un referente. Pero non o apoiaron para que xurdise, nin nos seus inicios. En cambio, a Deputación desde as orixes sempre estivo aí, ao carón do Concello de Viveiro, para poder levar a cabo este grande festival”.

Segundo as previsións que manexa a organización, o festival reunirá a máis de 85.000 espectadores, procedentes de 30 países, xerando un volume de negocio para a provincia duns 13 millóns de euros e máis de 2.000 empregos directos e indirectos. Hoxe en día, xa colga o cartel de ocupación hoteleira ao 100% na zona, polo que os visitantes acoden aos establecementos de municipios limítrofes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com