O voceiro socialista en Fomento recoñece que o Goberno “sacou a Lugo da planificación”

O Voceiro socialista en Fomento, César Ramos, visitou esta mañá a provincia de Lugo para ver de primeira man as principais eivas que tanto a provincia como a capital teñen en materia de infraestruturas. César Ramos estivo acompañado neste percorrido pola rexedora lucense, Lara Méndez e o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Santos. Os dous dirixentes socialistas fixéronlle chegar, ademáis, a Ramos as necesidades máis urxentes que teñen as estradas da provincia e as vías ferroviarias.

“A forma que nós temos de facer política é visitando o territorio, comprobando in situ as reivindicacións de cada unha das provincias e localidades. Os socialistas entendemos, ademais, as infraestruturas de transporte como elemento que ten que permitir que todos os cidadáns nos sintamos iguais. Con todo isto, analizada detalladamente cos meus compañeiros a situación das infraestruturas na provincia de Lugo e coñecidas perfectamente cales son as previsións do Ministerio de Fomento, a conclusión é que para o Goberno do Partido Popular os lucenses son cidadáns de terceira”, apuntou o Voceiro.

Ramos Esteban asegurou que o Goberno “quitou á provincia de Lugo da planificación das infraestruturas viarias e de ferrocarril do século XXI” e que “non ten previsto facer nada”. O socialista explicou que fai pouco máis de medio ano, o Presidente do Goberno,  Mariano Rajoy, presentou o Plan de Estradas de 5.000 millóns de euros, “deixando fóra do mesmo á provincia de Lugo, que non contará con investimento algún”, cando este é, ademais, segundo dixo o propio Ministro, o plan que impulsará as infraestruturas viarias nesta lexislatura.

“E por que Lugo non ten cabida? Porque é un plan moi restritivo, no que se impoñen unha serie de condicións, que non cumpre a provincia de Lugo. A primeira é que os proxectos das autovías pendentes teñen que estar avanzados, (nalgúns casos estano), pero a segunda, a condicionante, é que teñen que forman parte da Rede Transeuropea de Transporte. Por este motivo, o PP deixa Lugo fóra”, afirmou o Voceiro socialista en Fomento.

Asemade, Ramos Esteban asegurou que o Ministro de Fomento está disposto a asinar un pacto de Estado en materia de infraestruturas coa oposición, pero o socialista aclarou que o seu partido non asinará ningún pacto “se non hay un Plan Renove de estradas que garanta que a rede viaria estea en óptimas condicións e se non se garante que todos os cidadáns españoles, independentemente onde residan, teñan as mesmas oportunidades. Isto quere dicir que, se non haiun Plan para Lugo de estradas e de ferrocarril, o PSOE non asinará ningún pacto co goberno”, concluíu César Ramos.

“Inoculan unha lenta enfermidade”

O Secretario Provincial, amosou a súa preocupación polo “abandono” que a provincia está a sufrir coas políticas do Goberno central, e acusou ao Ministerio de Fomento de facer unha “discriminación intencionada” hacia a provincia “inoculando unha lenta enfermidade que levará a Lugo á morte e que condena a  agravar os hándicaps que xa ten”.

Santos Ramos presentou ante a prensa unha radiografía de todas as infraestruturas titularidade de Fomento na provincia e que teñen grandes eivas e necesidades. Entre elas, destacou os problemas de visibilidade da A8, o inicio das obras no treito pendente da A-54 que unirá Lugo con Santiago ou o mal estado das estradas nacionais que discorren pola costa e as zonas sur e centro da provincia, como poden ser, a N-VI, a N-634, pola costa, a N-640, entre Monterroso e Antas de Ulla ou a N-120 que percorre a zona sur da provincia. Asemade, Santos Ramos, instou ao Ministerio de Fomento á arranxar as diferentes vías ferroviarias, suprimir os pasos a nivel e mellorar a liña Monforte-Ponferrada-Palencia, para convertila na vía de entrada e saída de todas as mercadorías de Galicia, dende Monforte.

Pola súa banda, Lara Méndez, demandoulle ao seu representante en Fomento, que reclamara certos temas que xa son, se se pode decir así, unha actualidade permanente do Concello. A rexedora pedíu o desdobramento da Ronda Norte para dar saída aos polígonos, a glorieta da Nacional VI con Alfonso X ou a Intermodal que garantirá a chegada do AVE a Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com