A Volta ás Comarcas de Lugo 2017. Desafío Volta Lugo, arranca este venres con 176 participantes inscritos e o patrocinio principal do organismo provincial. O Goberno da Deputación decidiu realizar unha achega de 65.000 euros para a celebración desta cita deportiva como dinamizadora da economía lucense, posto que terá un retorno económico aproximado de 100.000 euros para a provincia, así como pola oportunidade única que supón para promover turisticamente cada un dos 13 Concellos polos que discorre: Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Cádavo, Castroverde, O Corgo, Láncara e Guntín.
O Desafío Volta Lugo é unha das citas máis agardadas da tempada posto que se trata da única volta cicloturista por etapas desenvolvida en Galicia, e unha das poucas que se celebran a nivel nacional. Isto, unido á espectacularidade do percorrido, fai que a afluencia de ciclistas chegados de toda a xeografía española sexa moi importante.
En efecto, nesta terceira edición do Desafío, o número de participantes chegados de lugares tan dispares como Ibiza, Barcelona, León, El Bierzo, Asturias, País Vasco, Segovia, Madrid, Valencia ou Cáceres, supera incluso ao número de corredores das catro provincias da comunidade galega que contarán con representación neste evento cicloturista en bicicleta de estrada non competitivo.
Isto é un bo indicador do excelente escaparate que supón a Volta ás Comarcas para a promoción da provincia pola cantidade de xente que consegue reunir, xa que moitos dos corredores acudirán acompañados por familiares e amigos, e as súas diferentes procedencias.
Deste xeito, os participantes terán a oportunidade de coñecer a riqueza paisaxística e cultural das distintas zonas polas que transcorre o percorrido. Mañá terá lugar a primeira etapa, os corredores sairán ás 11:00 horas da Praza Maior de Lugo e chegarán á Rúa das Escolas, na Pontenova. En total, percorrerán unha distancia de 86,8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 1.193 metros positivos, atravesando altos de montaña como o Alto de Lindín (3ª Categoría), o Alto de Cruz da Cancela (2ª Categoría) ou o Alto de Augaxosa (2ª categoría). Esta primeira etapa pasará polos Concellos de: Lugo, Castro de Rei, Pastoriza, Riotorto, A Pontenova.
Desafío Júnior
O Desafío Volta Júnior nace como un complemento á Volta Ciclista ás Comarcas para involucrar a toda a poboación dos Concellos que son saída e chegada de cada etapa, especialmente, aos nenos e nenas de cada un deles. Este venres, entre as 16:00 e as 17:00 horas no Colexio da Pontenova instalaranse uns circuítos de habilidade, destreza e velocidade onde os nenos e nenas poderán sentirse como auténticos profesionais, xa que dispoñerán da mesma infraestrutura, loxística e medios humanos que o resto de deportistas.
Programa
VENRES 26 DE MAIO
08.30 – 10.00 horas Apertura oficina permanente recollida de bolsa do corredor e dorsais. Praza Maior
10.00 – 10.50 horas Concentración e control de firmas corredores. Lugo
11.00 horas Saída neutralizada Lugo. Praza Maior (Lugo)
16.00 – 17.00 horas Ginkana Desafío Volta Júnior. Colexio da Pontenova.
14.15 horas Chegada primeiros participantes e apertura zona vestiarios. A Pontenova
16.30 horas Saída autobuses participantes.
SÁBADO 27 DE MAIO
08:15 horas Saída autobuses participantes
09:00 horas Apertura aparcadoiro bicicletas e vestiarios. A Pontenova
09:00 – 09:50 horas Concentración e control de firmas corredores. A Pontenova
10:00 horas Saída Neutralizada A Pontenova. A Pontenova
15:00 horas Chegada primeiros participantes e apertura zona vestiarios.
16:00 – 17:00 horas Ginkana Desafío Volta Júnior. A Fonsagrada
17:00 horas Saída autobuses participantes a Lugo.
DOMINGO 28 DE MAYO
09:00 horas Apertura aparcadoiro bicicletas e vestiarios. A Fonsagrada
09:15 – 09:55 horas Concentración y control de firmas corredores. A Fonsagrada
10:00 horas Saída Neutralizada A Fonsagrada. A Fonsagrada
12:30 – 13:30 horas Ginkana Desafío Volta Júnior. Lugo (Pazo de Feiras e Congresos)
13:30 horas Chegada primeiros corredores a meta e apertura vestiarios. Lugo
14:00 horas Entrega de recordos conmemorativos Desafío Volta Lugo 2016.