O director xovense, Xacio Baño, vén de estrear nestes últimos días a súa nova obra Trote, a primeira longametraxe do mariñán que xa se pode ver nas salas lucenses Codex Cinema. Baño, que colecciona numerosos galardóns polas curtas que foi presentando en festivais de cine nos últimos anos, estivo con Xornal de Lugo, falando deste novo filme que o propio director presenta como un reto, tanto persoal como para o espectador e que, dende logo, parece que non vai deixar a ninguén indiferente.
Xornal de Lugo: Cal foi o xermo de Trote? Tiña unha idea? Xa ten unha carreira importante como director de curtas, onde sempre traballaba un achegamento non convencional á realidade, e aquí avanza un pouco tamén nesa liña, non é así?
Xacio Baño: Bueno, eu sempre digo que neste proxecto a idea estaba por aí dando voltas, pero foi, sobre todo, a produtora Frida que me preguntou se tiña algunha idea de longametraxe e por aí si que dixen: “bueno, pois hai unha oportunidade”. Ao contrario que soe pasar, que sempre hai que ir as produtoras a decirlles: “teño esta película” pois foi ao revés, non.
Eu traballo coas mans e moitas veces o cinema é traballar con espectativas co “dentro de dous anos” e a min eso, moléstame moito. Cando veu Frida e me pediu un filme eu xa tiña a idea de traballar cos cabalos, co animal interno que temos cada un de nós e como manexalo e aí bueno, démoslle forma a un guion, a unhas ideas e a unha cousa persoal que tiven co meu avó que enfermou e non sabía eu como xestionar ese momento.
XdL: Di que para vostede ser director é traballar coas mans; de feito, nótase é unha película moi artesana, cada plano parece construido cunha idea moi clara, cun punto de vista, unha perspectiva e un traballo de movemento dos actores que parece creado dende cero, como se non existise cinema antes de Trote.
Xacio Baño: Si, efectivamente, unha das cousas iniciais, quizáis polos meus avós labregos, é facer cinema dende cero, o primario, dende o trote. Algo sinxelo, non subirme ás árbores a cantar, senón facelo dende abaixo, “imos ver como se toca ou como se proba esto”. É unha película que ten, para min, pouco que ver narrativa e formalmente co que fixen antes: ficción, actores profesionais, o desenvolvemento dunha historia moi evidente… Pero bueno, diso vai: de poñerse retos. Todo o mundo quere acertar e eu, máis que acertar, quero aprender. Eso faise poñendo o que ti sabes na película.
XdL: Hai tamén outra cousa moi particular no filme que é o traballo cos actores, os tempos cos que traballan, cos que se comunican, a forma de falar… non é o habitual nunha película.
Xacio Baño: Foi complicado que desaprenderan os actores, porque ao final os actores agárranse á palabra e á mirada, e nesta película quiteilles as dúas cousas. Para min era importante iso. Queríamos contar a historia dunha familia, dunha manada, e para min a familia ten moito que ver máis co non verbal que co verbal, tanto no rural galego como na cidade.
Dentro das casas, cando de verdade están as familias, a xente comunícase máis con xestos e co corpo que con outras cousas e por aí foi o traballo: baixar, quitar diálogos, ensaiar, crear o non dito na familia, crear todo o que está “detrás de”.
XdL: A verdade é que na película a través da posta en escea e dos actores, do movemento, o fóra de campo… Case podemos meternos na cabeza dos personaxes e na propia do director como narrador.
Xacio Baño: O off de cámara, o off de espazo… Para min é importante xogar con todo iso. Eu creo a xente que de verdade manexa o cinema, manexa máis o que non se conta que o que se conta, o que non se amosa. Para min é importante ese xogo: como esconder, como facer que o espectador imaxine ou vaia a un lado ou ao otro co que non se di, co que soamente se escoita fóra de campo. É un reto. É un reto que me fago a min mesmo como creador pero tamén ao espectador. É a nosa responsabilidade propoñer estas cousas, que digan: “pero esto como se dixire?”
XdL: Falaba nunha entrevista precisamente diso, de que hai que ter responsabilidade tanto no cinema como coa realidade de Galicia, e cremos que a película manexa ben esa dualidade: loitar contra determinadas tradicións galegas e poñelas en evidencia.
Xacio Baño: Creo que os que facemos cine, temos a responsabilidade de educar e amosar distintos puntos de vista e concienciar, de espertar e facer que a xente se revolva un pouco na butaca. Esta frase de darlle todo mascado, tamén, pero en lugar de pensar que é mellor para min como director, eu o que fago é pensar como gañamos todos.
Unha película, unha proposta que faga que o final todos medremos un pouco, non unha na que o espectador saia: “si entendina”, “paseino ben” ou “sentín cousas”. Para min a ética na creación ten que ver con non pensar só no meu ego senón en mirar o que é mellor para todos.
Post Views: 0