Ocorre algúns anos, dependendo da persoa homenaxeada, que co Día das Letras se cumpre o refrán de que “pasou o día e pasou a romaría”. Isto non pasou o ano de Carballo Calero, con innumerables galegos agardando pola homenaxe, nin con Xela, que está acadando unha atención inusitada en todo o país.
Hai varios rasgos de Xela que a fan valiosa, comezando por ser muller, xa que nos 59 anos que leva celebrándose a festa do idioma, 54 foron homes, e mulleres só 5. Foi muller e rebelde, rompedora, que se independizou moi cedo para vivir en liberdade, e cando conseguiu un nome na sociedade rematou unha carreira e traballou no ensino mentres publicaba libros que ían fincándose no panorama literario de Galicia logrando un lugar, verso a verso.
Abriu vieiros para mulleres escritoras e mulleres rebeldes, realidades que podían coincidir ou non, e así hai escritoras que a consideran mestra, que lles abriu camiños e ensinou a camiñar por eles; e moitas mulleres progresistas teñen en Xela o punto de referencia para afianzarse no sentir e no ser.
E por fin, como un malditismo imprevisible en escritores e artistas, morre con 41 anos, con importante obra escrita e cunha previsible obra futura que reforzase a pureza e dureza da obra de mocidade coa que conseguiu lugar de honra na cultura e sociedade de Galicia, que as celebracións deste ano poñen especialmente de manifesto.
Se en 2019 festexamos os nove anos de Fraguas en Lugo, e en 2020 os quince de Carballo Calero, este ano con toda xustiza, celebramos á poeta da rebeldía, do feminismo, da maternidade, á que moitos aínda poden recordar como “Aquela nena de Sarria”.