A xestora que dirixe o PSOE en Lugo amosa o seu “apoio expreso” a Pedro Sánchez, un día antes do comité federal onde se dirimirá o futuro do dirixente socialista. Mediante un comunicado, a dirección da xestora trasmitiu “a súa lealdade aos órganos de dirección federais e apoio expreso ao actual secretario xeral do PSOE”.
A xestora que dirixe o Partido en Lugo cualifica a situación como “crítica e dificil”, e apostan porque se supere “no menor tempo posible e do xeito máis democrático e directo”. Nese sentido apostan pola “convocatoria inmediata” dunhas primarias, “co voto directo da militancia” para escoller secretario xeral. Solicitan ademais “a celebración dun Congreso extraordinario que conforme unha nova Executiva Federal”.
“Un congreso que deberá tamén determinar as posicións estratéxicas do socialismo español diante da situación política que atravesa o país. Posicións estratéxicas que pasan por permitir ou opoñerse á investidura de Rajoy e a continuidade dos gobernos do PP, posicionarse diante dun proceso aberto de independencia en Cataluña así como actuar diante do novo escenario de partidos establecido na política española”, recolle o comunicado.
Segundo a xestora lucense, este proceso congresual “debería ter tamén continuidade orgánica e temporal a nivel galego e provincial, propiciando, en pouco máis de tres meses, a conformación das respectivas direccións políticas a nivel nacional e provincial, avaladas e lexitimadas en tódolos casos polo voto directo e persoal da militancia, e poñendo fin así aos meses de interinidade política que estamos a vivir no partido en Galicia e Lugo”.