Xesus Mato, amigo

Lembramos a Xesús Mato, xigante de Paradela, descubridor de mundos; conquistador irrefreable de milleiros de persoas, que fixo seus amigos; que nos fixo seus amigos. Tiña o don de facer amigos. E de facer o ben. E do milagre da música.

E falo no nome destes amigos; de  todos; devotos dun home sinxelo, humilde e grande, traballador, entusiasta, estudoso, escritor, músico, escoitador… sensible, agarimoso, popular… crego por riba de todo. Cercano, sanador de almas e conciencias, redentor dos que sufrían, forte diante dos poderosos, pequeno cos nenos, rapaz cos rapaces, vello sabio cos vellos…

Podía pensarse que Mato nacera para escoitar, para aconsellar, para axudar. Pero tamén para decidir, para pedir, para protestar, para berrar cando facía falla… Era un galego consciente, ilusionado, sabio, con visión de futuro, asunción do pasado, con vontade de redención do presente.

Para os amigos, Mato era o mellor amigo; comprensivo, sereno, entregado, xeneroso, boa xente; como dicía don Antonio Machado, “en el mejor sentido de la palabra, bueno”.  Era un home intelixente, traballador e bo, que se entregou aos demais porque asumiu que o seu país necesitaba servidores, e estaba disposto a ser o primeiro para que todos os que o coñecesen imitasen a súa xenerosidade e a súa entrega.

Xesús Mato chegou ás nosas vidas -no meu caso cando eu era moi novo- para non irse nunca.  Entre outros moitos mundos descubriunos esta terra. Era un home de Paradela -amaba a terra e as xentes-, que se converteu nun home de Deus. E a nós cómprenos lembralo e imitalo. Cada quen, nas súas posibilidades, no seu traballo, na súa familia, no seu país… Imitalo aínda sabendo que nunca poderemos chegar ao seu exemplo.

Xesús sorriría admirado e agradecido de que este centro vaia levar o seu nome. E o mesmo que lle dicía cando a veces protestaba polas atencións que recibía, dígolle, agora na distancia: Hai que deixarse querer Xesús… Cando che fan isto, por algo será… “De Paradela ao ceo”, no teu caso é verdade. Tíñalo ben gañado. Míranos aquí a todos… Isto é para ti. Se todos nós sabemos querer, ti es o responsable. Tés que deixarte querer.

(Xulio, na homenaxe a Mato en Paradela, o 28.09.24)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com