Coa XIII Marcha pola Igualdade, na que participaron centos de persoas, deron comezo na cidade de Lugo os actos que organiza o Concello para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A programación, deseñada pola Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, desenvolverá numerosas actividades ao longo dos próximos días.
A Marcha comezou na Praza Maior diante do Concello e continuou dando unha volta pola Muralla. No acto participaron Ana González Abelleira, responsable dos actos, e outros membros da Corporación municipal.
Posteriormente, na Praza Maior houbo O Taboleiro da Igualdade, consistente nunha exhibición de “Xadrez en Igualdade” coa realización de partidas simultáneas, a cargo da Asociación Cultural Xaquedrum, aberto á participación de mulleres de calquera idade.
Próximas actividades
O día 8 de marzo, ás 12:00 horas, na Praza Maior diante da Casa do Concello terá lugar a lectura do manifesto polo Día Internacional das Mulleres. Posteriormente, ás 12:30 horas celebraráse no Salón de Plenos do Concello a entrega de premios Entre Mulleres, que este ano será concedido á cooperante Ana Vila Montero, polo seu labor a prol do desenvolvemento social en zonas rurais de Nicaragua. Decote, terá lugar a presentación dun documental sobre as irmáns Elisa e Jimena Fernández De La Vega, as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias.
Pola tarde ás 19:00 horas diante da Praza de San Marcos celebraráse a “Quedada pola Igualdade”, acción reivindicativa con varias actividades. Nela, leráse un manifesto e proxectaranse varios vídeos nos que se destaca a significación das mulleres, ao tempo que se instalan na praza paneis para que a xente escriba unha frase a prol da igualdade.
Ás 21:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire terá lugar o concerto solidario ProRefuxiados Voces pola Paz, a cargo de Mayka Sitte, Mayka Edjole e Desiree Diouf. As entradas custan 5 euros e poden retirarse en www.ticketea.com, o importe recadado irá destinado integramente a Médicos Sen Fronteiras.
O sábado 12 de marzo, Lugo acollerá o” IX Encontro da Muller Xorda en Galicia”. Ás 11:00 horas terá lugar unha andaina pola Muralla, que rematará coa lectura dun manifesto na Praza Maior. Posteriormente, ás 16:00 horas, na Facultade de Formación do Profesorado, celebrarase a mesa redonda, “A Muller Xorda”: O seu empoderamento. E de contado a charla: “Cómo chegar a ser unha senadora sendo unha persoa xorda”, a cargo de Pilar Lima.
Ademais, durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais no programa “Aprende Xogando”, levaranse a cabo actividades de fomento da igualdade. Asemade a Biblioteca Municipal destacará os libros de autoría feminina.