Preto de medio millar de escolares daranse cita este domingo en Lugo na final provincial de atletismo do programa de deporte escolar Xogade, que promove a Xunta a través da Secretaría Xeral para o Deporte. As probas comezarán ás 11 horas nas pistas de atletismo das Pedreiras, e sucederanse nas distintas categorías -benxamín, alevín e infantil- en horario de mañá e tarde.
O calendario de Xogade na provincia para esta fin de semana inclúe tamén o sábado competicións de fútbol sala en Lugo e patinaxe en Bóveda. Con respecto á primeira, esta será a xornada principal dos cuartos de final de fútbol sala, nos que compiten preto de 500 xogadores de 40 equipos nas distintas categorías; celebrarase no Palomar e no pavillón municipal a partir das 10 horas e durante toda a mañá.
Igualmente, o pavillón municipal de Bóveda agarda mañá aos 120 deportistas que participarán no campionato provincial de patinaxe, entre as 12 e as 14 horas. Os clubs que compiten nesta proba son a Asociación Cultural e Deportiva de Xove, o Club Campelas de Escairón (O Saviñao), e as escolas deportivas de Lourenzá, Chantada e Monterroso.
O programa Xogade involucra na provincia a arredor de 16.500 nenos e nenas en distintas modalidades, e pretende introducir aos escolares no deporte a idades temperás, para que adquiran hábitos saudables e se beneficien dos valores que achega a práctica deportiva.