A utilización de alternativas baseadas no aproveitamento da natureza e a integración urbana de espazos verdes centraron a xornada que Lugonovo celebrou ao longo da mañá deste sábado. Coa axuda do técnico en planificación urbana en zonas verdes Wim Timmermans, da Universidade de Wageningen (Holanda), coñecedor da situación galega neste eido debido ao seu doutoramento no Campus Terra da USC, o evento “Solucións naturais para problemas do Concello de Lugo”serviu para que arredor do medio centenar de persoas que se achegaron ao longo da mañá reflexionaran sobre alternativas ecolóxicas de xestión e desenvolvemento urbano aplicables a Lugo.
Se ben o propio Timmermans convidou á cidadanía luguesa a “buscar o seu propio modelo de aproveitamento da natureza”, asegurou que é posible inspirarse en proxectos existentes hoxe en día en varios lugares da UE, como é o caso da rede de zonas verdes interconectadas de Lisboa, os xardíns terapéuticos de Cracovia para persoas afectadas de demencia e alzheimer ou o ecodistrito fluvial de Estrasburgo.
Complementada cun obradoiro onde se intercambiaron ideas sobre mobilidade, zonas verdes, xestión de augas e residuos e outros asuntos relacionados co medio ambiente e o urbanismo, a conferencia supuxo unha decidida aposta de Lugonovo por inserir na axenda da cidade a urxencia dunha dinámica municipal respectuosa coa natureza.