As I Xornadas de Historia Local ‘Enrique Cal Pardo’ en Mondoñedo pecháronse cunha ofrenda floral

O Concello de Mondoñedo vén de clausurar as I Xornadas de Historia Local ‘Enrique Cal Pardo’ cunha ofrenda floral ao historiador e sacerdote. A alcaldesa, Elena Candia, asistiu xunto á familia do diocesano a un emotivo acto no que salientou a intensa traxectoria intelectual, sacerdotal e persoal deste Fillo Adoptivo da localidade “ao que tanto lle debemos os mindonienses”.

Candia tamén quixo subliñar o carácter amable e voluntarioso “dunha persoa profundamente comprometida coa nosa cidade á que dedicou toda a súa vida”.

A alcaldesa amosouse moi satisfeita da boa acollida que tiveron estas pioneiras xornadas polo que lles augurou “unha longa vida de cara a futuras edicións”.

Elena Candia precisou que esta iniciativa, que se levou a cabo do 5 ao 8 deste mes na Casa da Xuventude, tiña como obxectivo “dar un paseo pola historia de Mondoñedo dende a actualidade ata a prehistoria con exemplos reais sobre a mesma”. Ademais, a rexedora engadiu que “se quixo coidar de xeito especial a participación dos máis novos para traballar con eles sobre a historia da nosa cidade, amosarlles os monumentos e darlles a coñecer documentos para que saiban de onde se obteñen os datos”.

Placa homenaxe aos voluntarios do Mercado Medieval

Durante a xornada, para conmemorar as Vodas de Prata do Mercado Medieval, alcaldesa tamén participou nun acto homenaxe no que se fixo entrega dunha placa en honor a todos aos voluntarios e voluntarias que fixeron posible que esta festividade se puxera en marcha fai xa 25 anos e que lograron que se convertera “no mercado máis antigo da comarca e nun referente para todo o norte de España”.

Candia indicou que este distintivo colocarase a vindeira semana na praza da Catedral da cidade, “por ser o lugar onde naceu e onde ten as súas orixes este mercado”. Este ano, a XXV edición do Mercado Medieval, levarase a cabo do 12 ao 14 de agosto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com