Xosé Manuel Carballo

Medio século de amizade da para moito, e máis se sabes que ese amigo di sempre o que sinte, e cumpre o que fala. Carballo Ferreiro facía honra aos seus apelidos, á súa familia, ao seu concello, á súa terra, e á súa vocación.

Sempre foi cura por riba de todo… Por riba de ser xornalista na escrita, falador pola radio, presentador na televisión, humorista sempre, ilusionista ilusionante, predicador co exemplo, educador e amigo. Por riba de todo, cura. Cura de Goberno, de Castro de Rei, e algunhas parroquias máis.

Cando o coñecín, no final dos sesenta, era formador do seminario de Mondoñedo, e viña de verquer ao galego “Le medecín malgre lui”, de Moliere, a súa “ópera prima”. Despois pediu o traslado para ser crego rural e vir a Goberno a axudar aos seus veciños e coidar de súa nai e súa irmá, enfermas.

Logo fíxose aínda máis grande na escrita e na palabra; entendeu e atendeu a todas as formas de comunicación, técnicas ou directas; conquistou milleiros de amigos e amigas; encantou a numerosos rapaces; foi mentor de magos, conselleiro de mozos, formador de almas… era un xigante nun corpo aparentemente flebe, todo cerna cun samo aparentemente floxo; todo ollos para ver e comprender; todo palabra para atender e consolar. Xosé Manuel Carballo era un todo, un valor absoluto, un elemento que non cabía na Taboa de elementos imprescindibles para entender este mundo convulso no que el sempre mantiña o sentidiño preciso para comprender e decidir.

Na hora en que o Señor decidiu que xa estaba ben de aproveitarnos de Carballo e quixo ter consigo (“Vide, benditos do meu pai, ao ceo que vos teño preparado…”) a este home aparentemente fráxil, cerna pura de carballo chairego, corazón grande e mente clara, que presumía de ser o que mellor coxeaba na provincia de Lugo por mor dun encontro desafortunado cun tractor no pasado século, tócanos dicirlle “Ata logo” a Xosé Manuel de Goberno, célibe dedicado a todos nós, ao que nunca dixemos “Grazas”, porque ao mellor non o comprendía nin lle gustaría, pero ao que si temos que chamar con maiúsculas AMIGO, e erguer a man e dicirlle como quen non quere a cousa: Para onde ti xa estás agora, gustaríanos ir cando nos toque. Así que, se podes botarnos unha man, xa sabes… que seguro vas ter aí un posto de honra e gustaríanos estar preto de ti, tamén aí, cando chegue o momento.
Apertas, amigo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com