Xubilados e pensionistas pedirán mañá o seu rexeitamento á reforma das pensións

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG volverá a saír mañá ás rúas de cidades e vilas galegas para manifestar o seu rexeitamento á reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados. Denuncian dende a central sindical que esta modificación lexislativa non garante unhas “pensións dignas” e que consolida os recortes introducidos coa de 2011.

Na capital, a concentración terá lugar diante da Subdelegación do Goberno ás 12 horas.

A CIG advirte que esta reforma resulta lesiva non só para as pensións presentes, “senón tamén para as futuras, ao manter os recortes introducidos pola lei de 2011”, que atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e aumentou o período de cálculo aos 25 anos, o que supuxo unha caída das contías das pensións do 25%. Con este novo acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións, xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo coa Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150€ ao mes.

Ademais, denuncian que segue anulando a xubilación parcial, penalizando a xubilación anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, “mentres impide a entrada de xente nova ao mundo do traballo, cronificando así a emigración e o paro xuvenil”, entre os menores de 25 anos.

Fronte a isto, a CIG propuxo nas súas emendas ao texto (presentadas a través do BNG) a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos; ir a un período de cálculo de 10 anos -a escoller polo propio traballador ou traballadora-, e repor a xubilación parcial, entre os 60 e os 65 anos, para favorecer o emprego xuvenil.

Co proxecto de lei que se debate o próximo xoves (que se fai para dar traslado á axenda que esixe a UE para poder acceder aos fondos de recuperación), “o Goberno do PSOE-UP, autodenominado o máis progresista da historia, está dando as costas a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas e condenando a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico”.

Xunto a isto, dende a CIG rexeitan que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva porque “privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias”.

Baixo gasto social

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG lembra que o gasto medio da UE en protección social é do 27,4% do PIB, mentres que no Estado español é de tan só o 23,1%, e que o gasto medio en pensións na UE está no 10, 9%, mentres que no Estado español está no 9,8% do PIB o que “pon en evidencia a distancia enorme que hai no gasto en pensións”. E reitera, ademais, a necesidade de que se derrogue a reforma laboral porque é fundamental a vía das persoas cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións.

Advirte o colectivo da CIG de que “á lesividade desta nova reforma” súmanselle os anuncios de  novas medidas para o ano 2022,  como ampliar o período de cálculo da pensións dos 25 anos actuais aos 35, ou aumentar a idade de xubilación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com