Xúbilo de xubilado

En tempos, o Servizo Militar era para os rapaces, mais ca oportunidade de ver mundo e cerimonia de iniciación á vida de maiores, corte no estudo ou no traballo para mergullarse nun mundo hostil difícil de entender. Librei da “Mili” polos peores motivos (físicos e familiares), e respirei tranquilo. Pero vese que o tema seguiu preocupando, e vinte anos despois, cando ao meu fillo se lle preguntou que quería ser de maior respondeu con total seguridade: Excedente de cupo. Era a situación dos que retiraban das listas, sen ser “defectuosos”, por exceder dos necesarios no seu reemprazo.

Se agora se fai unha enquisa, e se pregunta a rapaces ou maiores a que aspiran na vida, témome que a maioría aspirará á xubilación como destino perfecto, pola presunta tranquilidade, fora da problemática laboral ou comercial.

Non son o único que se fixa nas rúas lucenses nas que non paran de pechar comercios. Non pode ser que lles vaia mal, porque a versión oficial é que todo vai ben e isto non hai quen o pare, e polo tanto é que os tendeiros logran por fin xubilarse. Certo que a situación de xubilado é perfecta, por estabilidade e tranquilidade, aínda que un teña un tic que impide o repouso propio da idade e da situación.

De cando en vez, amigos xubilados chaman a atención sobre o futuro dos pensionistas por se ao goberno de “turno” lle da por non ternos tan contentos.  Antes de lanzarnos ás barricadas, se o Presidente do Goberno pode pararse a pensar cinco días amagando con abandonar, ben podemos os xubilados establecer un compás de espera para pensar en nós e, se fose o caso, tomar a iniciativa de declarar a algúns dos que deciden excedentes de cupo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com