A Xunta achega 84.000 euros á nova depuradora e á iluminación de Guitiriz

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou ao concello de Guitiriz 84.000 euros para a construción dunha nova planta de depuración de augas pluviais e para desenvolver un proxecto de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública do polígono industrial.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o polígono acompañado pola alcaldesa do municipio, Regina Polín, e destacou que están abertas novas convocatorias da Xunta para apoiar investimentos dos concellos nos parques empresariais, tanto para obras de mellora como para a instalación de viveiros de empresas.

As obras realizadas nos últimos meses no polígono de Guitiriz consistiron na construción en formigón armado dun depósito soterrado e peche perimetral para o tratamento de augas pluviais así como a execución dun novo tramo de tubaxe para conectar á rede o novo decantador. A Xunta financiou este proxecto con preto de 62.700 euros.

Así mesmo, destinou 21.300 euros á modificación do sistema de alumeado existente. Substituíronse 33 luminarias por outras tipo Led con sistema de acendido por reloxo astronómico e de dobre nivel -que funcionarán ao 50% no tramo horario de menor actividade-. Esta medida reportará un aforro, tanto enerxético como económico, do 83,2%, e evitará a emisión á atmosfera de 9,6 toneladas anuais de dióxido de carbono.

A Consellería de Economía e Industria achegou o 80% do orzamento subvencionable ás dúas iniciativas desenvolvidas en Guitiriz, unha porcentaxe similar á que se establece con carácter xeral nas novas ordes de axudas para este ano.

Os concellos interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 28 de febreiro. Por unha banda, poderán solicitar apoio para mellorar as infraestruturas dos parques, como plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso e interiores, ou instalación de sistemas de seguranza, vixilancia ou protección contra incendios.

Por outra, poden solicitar axudas para a creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais. Son obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais de propiedade municipal, co fin de crear un viveiro industrial de empresas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com