A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, asistiu á visita organizada para 120 alumnos dos centros públicos integrados de Formación Profesional das Mercedes e Terra Chá ao polo tecnolóxico e industrial de Rozas.
A xornada In.formate, á que a directora de GAIN asistiu acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e do alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, inscríbese no programa de formación para a innovación no ensino medio organizado pola Axencia Galega de Innovación co obxectivo de trasladar ao estudantado de ensino secundario e FP a importancia da investigación, o desenvolvemento e a innovación no seu futuro laboral.
Patricia Argerey explicoulle ao estudantado a oportunidade que ofrece a ciencia e a tecnoloxía no seu desenvolvemento profesional e, en concreto, a Civil UAVs Initiative, o programa da Xunta de Galicia que permitiu pór en marcha un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos aéreos non tripulados para uso civil en Galicia.
Neste sentido, destacou a triple aposta que está a facer a administración autonómica por este sector, que vai experimentar un crecemento exponencial nos próximos anos: en primeiro lugar, pola investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito dos UAVs, coa posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas en colaboración co INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial) e o contrato coas multinacionais Indra e Babcock para o desenvolvemento dun programa completo de I+D+i.
en segundo lugar, a dinamización do tecido empresarial e industrial galego, así como o resto de axentes do sistema galego de innovación, a través da contratación de servizos tecnolóxicos. E, por último, a aposta pola formación coa posta en marcha do Ciclo Superior de Aeromecánica no CIFP As Mercedes e o Grao en Enxeñaría Aeroespacial na Universidade de Vigo.