A Xunta activa na provincia de Lugo cinco programas integrados de emprego, que se porán en marcha nas vindeiras semanas, e que buscan incrementar as oportunidades laborais de 425 lucenses sen emprego. Así o anunciou esta mañá, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen explicou que a iniciativa suporá un investimento de máis dun millón de euros que se distribúen entre 10 concellos e 2 entidades sen ánimo de lucro.
Destas cinco iniciativas, promovidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tres deles foron solicitados por diferentes grupos de concellos: o de Vilalba xunto co de Guitiriz e Abadín; Barreiros, Mondoñedo e Foz;e o de Friol, xunto con Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Asemade, os outros dous programas foron solicitados pola Asociación de Empresarios de Hostalería (APEHL) e pola Confederación de Empresarios Lucenses (CEL).
Estes programas teñen un ano de duración, están enfocados á mellora da ocupación dos desempregados e establecen a inserción laboral dun mínimo do 30% dos participantes, co que as entidades adquiren o compromiso de insertar no mercado laboral como mínimo a 128 persoas.
A actuación forma parte de Axenda 20 para o emprego e é coa que se pretende reducir ata o 10% do emprego de aquí a 2020, chegando a xerar 80.000 novos postos de traballo. O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo deste ano diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros, as lanzadeiras de emprego ou a iniciativa Formación á porta para cualificar a 500 mozos e mozas en 30 concellos do rural.
Balseiro reiterou a problemática que supón nunha familia, un membro inscrito no paro, e explicou que a administración autonómica está a traballar en novas accións para minorizar a taxa de desemprego.