A Xunta e a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL) organizan para os vindeiros días charlas informativas en Viveiro, Lugo e Monforte de Lemos, co fin de achegar aos axentes do sector turístico detalles das distintas liñas de axudas ás que poden optar.
A primeira destas charlas terá lugar o luns, día 29, na Delegación da Xunta en Celeiro (Viveiro). O mércores 31 celebrarase o acto na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, e para rematar o martes 6 de febreiro convócase ás persoas interesadas á xuntanza no Centro do Viño, en Monforte de Lemos.
Todas elas comezarán a partir das 18.00 horas, e contarán coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da APEHL, Cheché Real. Técnicos da área de turismo encargaranse de desgranar os diferentes programas de apoio aos que poden optar os empresarios relacionados co sector turístico.
En concreto, nestas primeiras semanas do ano, Turismo de Galicia convoca oito liñas de subvención que superan en conxunto os 5 millóns de euros de orzamento. As dúas primeiras convocatorias xa se publicaron no Diario Oficial de Galicia (DOG): axudas ás entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e axudas aos establecementos de aloxamento.
Precisamente a principal novidade na programación deste ano de Turismo de Galicia son as subvencións a entidades privadas para a mellora dos establecementos turísticos de aloxamento, co fin de incentivar aos empresarios do sector para que melloren a imaxe e confort dos aloxamentos. A contía da convocatoria é de 500.000 euros. Esta orde publicouse no DOG o pasado martes e o prazo de presentación de solicitudes é dun mes.
Entre as convocatorias que se publicarán proximamente, destacan as subvencións para empresas do sector turístico para impulsar a creación e promoción de produtos turísticos cun carácter innovador e axustados a determinadas liñas temáticas, como o Camiño de Santiago, Bosques de Galicia, Balnearios, enogastronomía ou turismo mariñeiro, entre outros.
O orzamento é de máis de 650.000 euros. Así mesmo, tamén se informará aos asistentes ás charlas doutras canles de financiamento ás que poden optar os empresarios do sector para impulsar os seus negocios, por exemplo a través dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).
Por último, farase referencia aos programas de apoio empresarial que desenvolve o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e ás axudas ao emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.