A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, manterá un encontro nos vindeiros días cos representantes da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Sagrado Corazón co fin de “explicar a situación do proxecto e trasladarlles o compromiso da Xunta,con todas as garantías, de que vai construír o novo colexio”.
A delegada lamenta que “o concello se dedique a sementar dúbidas e desconcerto entre os pais e nais dos alumnos “con escusas e artimañas, en vez de poñerse dunha vez a traballar no proxecto”. “A Xunta construirá o colexio -afirmou-, e está estudando a fórmula legal axeitada para facelo canto antes pese á cesión trampa que realizou o concello, achegando terreos que non son válidos nestas condicións”.
Arias estará acompañada por responsables da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que aclararán aos responsables da ANPA calquera dúbida que poidan ter con respecto á tramitación levada a cabo pola Xunta “que sempre foi áxil e leal, incluíndo a advertencia que no ano 2013 se realizou ao concello sobre a necesidade de realizar unha modificación do Plan Parcial co fin de cualificar os terreos e garantir así a súa edificación neles”.
Segundo Arias “O que pide o concello, é apelar á excepcionalidade para esquivar a normativa vixente, é burlar a legalidade”, asegurou Arias”.
A delegada da Xunta insistiu en que a Xunta “traballa nas fórmulas legais que permitan axilizar ao máximo os trámites” e reiterou o ofrecemento ao concello “para colaborar, con lealdade, para que este proxecto sexa unha realidade o antes posible, que é o que queren os veciños e o que queremos dende o Goberno autonómico”.