A Delegación territorial da Xunta en Lugo, en colaboración coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, organizou esta tarde unha xornada informativa sobre axudas para a rehabilitación de vivendas na que técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda explicaron as distintas liñas postas en marcha polo goberno galego neste ámbito.
A xornada centrouse moi especialmente nos apoios previstos no marco da área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, de recente convocatoria, e para cuxas axudas o Goberno galego reserva máis de 2,8 millóns de euros, segundo lembrou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
No concello de Lugo poden beneficiarse desta liña de axudas veciños de veciñas de 14 parroquias: San Xoán do Alto, Bacurín (San Miguel), Bascuas (Santa María), O Burgo (San Vicente), Carballido (San Martiño), Gondar (Santa María), Mera (San Pedro), O Veral (San Vicente), Pedreda (San Vicente), Poutomillos (San Martiño), Prógalo (Santiago), Romeán (San Pedro), Orbazai (San Miguel) e o núcleo urbano de Lugo no trazado da ruta Xacobea.
As comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas no entorno do Camiño poderán acceder a axudas a fondo perdido de ata 15.000 euros. As persoas interesadas en acceder a estas axudas poderán solicitalas ata o 31 de outubro de 2018, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario.
As obras de rehabilitación deberán estar rematadas e calificadas definitivamente antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes das axudas (31 de outubro). As que non cumpran estes requisitos poderán beneficiarse das axudas en posteriores convocatorias das mesmas, xa que na Ari dos Camiños de Santiago o prazo para a solicitar a calificación provisional (antes da finalización das obras) e a calificación definitiva (unha vez rematadas as obras) está aberto permanentemente.