A Xunta rematou, nos pasados días, as obras de acondicionamento da Prazuela de Rábade, despois de que se acometaran traballos de substitución do pavimento e renovación de sumidoiros. Así o deu a coñecer o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen estivo hoxe alí para coñecer o resultado desta intervención, que foi financiada pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través dun programa para a mellora de infraestruturas e para o que achegou 33.000 euros, o 80% do investimento total subvencionable da actuación.
A prazuela de Rábade é un espazo emblemático da localidade que acolle moitos dos eventos festivos e culturais da vila. Está emprazada no centro neurálxico e urbano polo que constitúe un marco esencial de relación, actividade comercial e social neste concello.
Ademais este ámbito constitúe a principal vía peonil que usan os veciños para pasar dun lado a outro da vía do ferrocarril, infraestrutura que condiciona o desenvolvemento urbano de Rábade. Por efecto do uso, o pavimento de madeira da praza estaba deteriorado e presentaba perigo de posibles caídas por deslizamento, especialmente no inverno.
As obras consistiron na retirada do pavimento de madeira e a demolición das soleiras de formigón e a colocación de novo pavimento a base de enlousado de granito aserrado. Tamén se instalaron novas arquetas cos seus colectores de PVC soterrados e catro canaletas de drenaxe superficial, para rematar con algúns elementos ornamentais.