A Xunta e o Concello apoian o Día Mundial da loita contra o cancro de mama

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio súmase ao Día Mundial da loita contra o cancro de mama mediante unha campaña solidaria de reciclaxe de envases de vidro en colaboración con Ecovidrio. Deste xeito, o departamento autonómico pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o medio ambiente como un factor beneficioso para a saúde. Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a presentación hoxe na Coruña desta campaña, que, nas vindeiras semanas, percorrerá cinco cidades de Galicia, entre elas Lugo.

Así, baixo o título Recicla vidro por elas, a Consellería de Medio Ambiente e como entidade encargada da xestión do reciclado deste material, mostrará a cidadanía como un pequeno xesto pode, neste caso, contribuír ao desenvolvemento de accións e proxectos na loita contra o cancro de mama.

Deste xeito, destinarase un euro por cada quilo de envases de vidro depositado á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao cancro, que naceu do compromiso moral e da experiencia, primeiro como paciente e despois como activista, da súa fundadora e cuxo obxectivo é lograr unha maior conciencia e implicación social nesta loita. Para alcanzar o obxectivo desta campaña, durante as próximas semanas, 12 iglús rosas estarán instalados en cinco localidades de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.

Grandes lazos rosas

Neste día conmemorativo, a fachada do edificio da Delegación territorial da Xunta en Lugo, luce un lazo rosa, símbolo da loita e da prevención sobre o cancro de mama. A administración autonómica súmase así ao Día mundial que se conmemora cada 19 de outubro co fin de concienciar sobre os xeitos de previr esta enfermidade. A icona rosa, empregada a nivel mundial, serve tamén para desde a administración autonómica lembrar a importancia de participar no Programa galego de detención precoz do cancro de mama que impulsa a Consellería de Sanidade.

Tamén a Praza Maior acolleu esta mañá un emotivo acto, organizado pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Lugo, un grupo de comunicación e o Concello baixo o lema A túa loita é a miña loita, que simboliza a solidariedade e acompañamento de toda a sociedade lucense ás mulleres que padecen esta enfermidade. No acto de sensibilización, presidido pola Alcaldesa, Lara Méndez e a presidenta da AECC de Lugo, María Luz Abella, participaron unhas 200 persoas.

A emocionante testemuña de Mireia López, unha enferma de cancro que simbolizou co relato da súa experiencia persoal o que miles de mulleres e familias pasan ao afrontar esta doenza sumouse ao reparto de lazos rosas identificativos da loita contra esta enfermidade. Ademais, formouse na Praza Maior un lazo con testos de flores rosas e izouse no balcón do consistorio un gran lazo de globos rosas, todo para visibilizar a enfermidade e reivindicar a importancia de “ter unha boa sanidade pública e seguir investindo en investigación co fin de que a alta porcentaxe de curación que se dá a día de hoxe chegue a ser do cen por cen”, subliñou a rexedora.

30.000 euros para atención

Pola súa banda, o Goberno da Deputación destina 30.000 euros á atención de lucenses con cancro a través dos colectivos da provincia, que son a Asociación Española contra el Cáncer e Somos Unidos por el Cáncer. Esta axuda permitiu, no último ano, ofrecer atención psicolóxica e social a 3.000 lucenses con esta enfermidade, así como levar a cabo campañas de concienciación, prevención e voluntariado; ademais de pór a disposición das familias un piso de acollida na capital lucense no que pernoitar ou descansar durante a súa estancia en Lugo con motivo do tratamento que reciben no HULA.

A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo subliñou que “debemos insistir na importancia de que as administracións coas competencias na materia, que son a Xunta e o Goberno Central, potencien accións de prevención, detención precoz e tratamentos para combater esta enfermidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com