Xunta, Concello de Ribadeo e Estado avalian as medidas a tomar nas Catedrais

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, trasladou esta mañá ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o xefe do Servizo provincial de Costas en Lugo, José Miguel Esteban, a decisión da Xunta de Galicia de encargar un estudo xeotécnico para saber cal é a situación do Monumento Natural da Praia das Catedrais e como se viu afectado polo últimos temporais rexistrados.

A directora xeral mantivo unha reunión esta mañá en Santiago de Compostela, na que as tres administracións representadas consideraron que a medida é oportuna e necesaria para saber con coñecemento cal é o estado actual do monumento natural e adoptar as decisións máis responsables, tal e como recomendan os expertos.

Ana María Díaz trasladou que este estudo xeotécnico encargouse con carácter urxente, polo que os técnicos iniciarán de inmediato os traballos previos para o análise e determinar a zona de estudo dos diferentes cantís, cornixa e saíntes da zona. A Xunta encomendou onte mesmo á Universidade da Coruña un informe complementario desde a perspectiva técnica dos enxeñeiros de Camiños para analizar a situación actual do estado e condicións do monumento natural, co fin de que os posibles resultados e as indicacións que se indiquen no documento sexan asumidas polas tres administracións.

Indicou que a Xunta xa conta cun estudo de recomendacións, elaborado en setembro de 2017, que conclúe que As Catedrais é unha estrutura inestable ao igual que todas as praias da rasa cantábrica, onde existen posibilidades de desprendementos que non poden predicirse con exactitude.

Tamén aclarou que neste estudo de recomendacións trasladáronse medidas de xestión que foron tidas en conta por parte da Xunta de Galicia, como trasladar información ao público sobre os riscos da visita, en especial dos riscos existentes por achegarse ao talude, sobre todo despois de fortes chuvias. Nese sentido, reforzouse a comunicación sobre os posibles riscos, recomendacións que foron introducidas nas autorizacións para coñecemento dos usuarios. Cómpre lembrar que na propia web de reservas xa se advirte de forma expresa que o visitante coñece e acepta os riscos derivados da visita.

Pola súa banda, o Concello de Ribadeo colaborará, dentro das súas competencias, coa Xunta de Galicia na busca da adecuada xestión da praia das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, desexa que “o areal siga a ser visitable, pero por riba disto, siga sendo seguro”. Na valoración realizada reiterou a súa consternación polo accidente mortal que se rexistraba o pasado sábado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com