A Xunta de Galicia facilitará a contratación de 112 socorristas que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos 38 concellos da provincia que solicitaron este servizo. Explicouno esta mañá a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante o encontro que mantivo hoxe na praia da Rapadoira cos profesionais que prestarán servizo no Concello de Foz.
Así, no conxunto da provincia e durante os meses de verán, 77 socorristas encargaranse de garantir a seguridade no litoral, 29 en piscinas e 6 en praias fluviais. No que atinxe ao investimento en axudas para a contratación de persoal de socorrismo, este ano supera os 335.000 euros, cifra algo superior á dedicada o pasado exercicio. Tamén se incrementou en cinco o número do concellos beneficiarios e en seis o de socorristas.
No que respecta á comarca da Mariña, exercerán labores de salvamento 85 socorristas, cinco deles en piscinas. Segundo explicou Arias, “as axudas da Xunta de Galicia permiten aos municipios da costa contar con persoal suficiente para a vixilancia das praias durante os meses de tempada alta, pero tamén benefician a municipios do interior que contratan persoal de salvamento para atender as piscinas e as praias fluviais”.