A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acordou reforzar os servizos de autobús que se prestan no termo municipal de Láncara. En concreto, o Goberno galego vén de promover unha ruta, de nova creación, que unirá esta localidade coa Pobra de San Xiao. Estará dispoñible todos os días laborais, de luns a venres, durante todo o ano, con saída ás 7,20 horas da mañá e regreso ás 14.10 horas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou que esta nova liña, ademais de mellorar as comunicacións interiores no municipio, “ten tamén un carácter estratéxico, xa que servirá de enlace coa ruta Monforte de Lemos-Lugo, facilitando a conexión coa capital provincial e, por exemplo, coas persoas que teñan interese en acudir a consultas ou probas no hospital Lucus Augusti”.
A Xunta de Galicia foi sensible á demanda da veciñanza desta localidade, que reclamaba esta mellora, a pesar de que o Concello de Láncara non presentou alegacións durante o prazo establecido ao efecto, solicitando a incorporación desta ruta. A administración autonómica promove e acolle todas as modificacións puntuais que redunden nunha mellor conexión, en especial da zona rural da nosa provincia.