O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo ven de felicitar á Xunta de Galicia pola recente execución das obras de mellora do cruce de San Vicente de Covelas. O voceiro popular ribadense, Jesús López Penabad, congratúlase da execución destas actuacións “que responden a unha vella demanda dos veciños e veciñas desa zona”.
O popular apunta que “esta estrada presentaba un grande perigo para os viandantes, pois algúns dos vehículos que transitaban por ela circulaban a velocidades demasiado elevadas poñendo en risco aos peóns”.
As obras leváronse a cabo, en concreto, no casco urbano da parroquia de San Vicente de Covelas, na estrada autonómica de Reme-Vilamar. Os traballos consistiron na inclusión dunha serie de medidas para mellorar a seguridade vial, como instalación de pasos elevados, a colocación de sinais para moderar a velocidade a 50 km/h e o emprazamento dun cartel para advertir de cruce perigoso.
O portavoz ribadense agradece ao organismo autonómico os traballos levados a cabo e salienta “que melloran substancialmente a seguridade do cruce”. López Penabad celebra tamén “que o Goberno da Xunta de Galicia manifeste unha vez máis o seu compromiso con Ribadeo e con todos os veciños e veciñas da localidade e das parroquias ribadenses”.