A Xunta de Goberno abre mañá o proceso para acatar as sentenzas do Garañón e derrubar o edificio

Cumprindo cos prazos que xa avanzara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Xunta de Goberno local tomará razón mañá da firmeza da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que leva consigo a anulación do proxecto de urbanización da unidade de actuación CS-5, de maneira que se abre o procedemento para acatar as sentenzas do Garañón e derrubar o edificio. A rexedora informou deste novo paso na Comisión non Permanente sobre a CS-5, que se reuniu esta mañá no Salón de Comisións.

Na xuntanza quedou designada a presidencia e a vicepresidencia da Comisión, que asumen Lara Méndez e o voceiro municipal, Miguel Fernández, respectivamente. Adoptáronse así mesmo tres acordos: fixar na propia comisión a periodicidade da mesma, de xeito que na de hoxe se decidiu convocar a seguinte xuntanza para o 5 de maio; que os integrantes teñan capacidade propositiva para incluír puntos na orde do día e que poidan instar ao goberno a que pida informes.

Tras a toma de razón da firmeza das sentenzas do TSXG sobre O Garañón por parte da Xunta de Goberno, o seguinte paso, segundo explicou a Alcaldesa, consiste en requirir ao construtor que no prazo de tres meses presente os oportunos proxectos de urbanización e de obra de edificación, axustados aos criterios e solucións referidos á protección do patrimonio cultural que a tal fin estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura.

Así mesmo, e con independencia do que decida facer o interesado, “están os intereses da cidade” e o Goberno ten unha “proposta firme” ao respecto, subliñou Lara Méndez,  que consiste en repoñer a legalidade e derrubar o edificio do Garañón, para o cal o Goberno prevé consignar unha partida de 300.000 euros nos Orzamentos municipais, e tamén en mitigar a posible responsabilidade patrimonial.

Así mesmo, o Goberno márcase como obxectivo que se reduza ao máximo a edificabilidade da parcela e que sexa unha zona verde anexa ao Parque Rosalía de Castro. Neste senso, a Alcaldesa xa encargou a Evislusa a posibilidade de identificar que parcelas existen no municipio de similares características urbanísticas para tratar de buscar solucións.

Ademais de detallar a folla de ruta do Goberno local, a Alcaldesa comprometeuse a dar conta de todos os trámites que se leven a cabo no seo da Comisión non Permanente do Garañón, sen prexuízo de todos os acordos que se poidan adoptar no seo da devandita comisión.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com