A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou que a Xunta de Goberno aprobará mañá mércores en sesión extraordinaria o proxecto do Orzamento 2018 despois de recibir onte o visto bo da Xunta de Galicia ao Plan Económico Financeiro (PEF), un documento imprescindible para poder tramitar os presupostos municipais debido á táboa rasa da Regra de Gasto que impón o Goberno central a todos os concellos, tamén aos economicamente saneados, como é o de Lugo.
A entidade local tivo que elaborar o PEF, no que leva traballando man a man coa Xunta dende o mes de outubro e ao que recibiu o visto e prace definitivo na xornada de onte, por incumprir a Regra de Gasto ao incorporar ao exercizo orzamentario do 2016 remanentes para pagar as expropiacións da Ronda do Carmen, por importe de máis de 4M€.
Segundo os prazos marcados pola Xunta, o Concello ten que remitirlle como máximo antes do 22 de decembro o acordo plenario de aprobación do Plan Económico Financeiro. De aí que mañá mesmo se aproben o propio PEF e os orzamentos en Xunta de Goberno para poder ser sometidos a debate do Pleno o xoves 21 e cumprir cos tempos establecidos pola Administración autonómica.
A Alcaldesa explicou que o Executivo leva traballando nos Orzamentos “case máis dun ano, primeiramente nos do 2017, que non saíron adiante e, dado o escaso tempo que nos restaba para executalos, decidimos ir á prórroga dos do 2016. Logo continuamos traballando nesa base, sobre ese traballo feito, aumentando algunhas partidas, como pode ser a do Plan de Barrios para ter en conta a sensibilidade de toda a Corporación e as súas propostas plenarias, así como tamén as dos colectivos sociais”.