A Xunta destaca a importancia de achegar o valor patrimonial e económico da artesanía á sociedade

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, visitaron esta mañá o obradoiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra Rico e o XIV Encontro de palilleiras que se están realizando no concello de Cervo, dentro do programa de actividades que se están a celebrar en toda Galicia no marco dos Días Europeos da Artesanía, salientando a importancia de achegar á sociedade o valor patrimonial e económico dos oficios tradicionais.

Así, Estaleiros Francisco Fra abre as súas portas ao público con visitas guiadas e con explicacións do seu traballo, a súa historia e o proceso construtivo das embarcacións. A súa traxectoria abrangue máis de douscentos anos, con sete xeracións ininterrompidas de carpinteiros de ribeira.

A visita institucional estendeuse ao Encontro de Palilleiras Concello de Cervo, unha xuntanza que ten lugar no Pavillón da Veiga, en San Cibrao, e que chega este ano á súa 14ª edición. Unha ocasión única dedicada á arte do encaixe e na que se desenvolve, ademais, unha demostración da fiada do liño e da la a cargo das Mulleres de San Bartolomeu de Insua, de Vilalba (Lugo).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria toma parte nos Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata mañá, 2 de abril, co apoio a diferentes iniciativas que levan a cabo os profesionais do sector artesán. A nosa comunidade súmase con 36 accións a un proxecto promovido a nivel nacional pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta de Galicia colabora por sexto ano consecutivo.

Inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002, a convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Preto de vinte países tomarán parte este ano na celebración: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Francia, Hungría, Estonia, Grecia, Italia, Lituania, Luxemburgo, Reino Unido, Letonia, Suíza, Países Baixos, Polonia, Romanía, Portugal e España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com