A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de destinar só para a provincia de Lugo 12,3 millóns de euros en axudas directas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios durante este ano.
Estes apoios teñen por finalidade colaborar cos esforzos que os profesionais do medio rural e as empresas de transformación lucenses realizan para achegar ao mercado produtos de primeira calidade procedentes da transformación da excelente materia prima que temos na nosa provincia.
De feito, son preto de corenta empresas, a maioría delas de tamaño pequeno e mediano, as que recibirán as axudas da Xunta que poden destinar a diferentes iniciativas de creación, ampliación e modernización das súas instalacións, así como iniciativas que aposten pola innovación.
Visita á empresa Crisanto
Como exemplo práctico da utilidade destes apoios da Xunta o delegado territorial lucense, José Manuel Balseiro visitou a empresa SAT Crisanto, queixería emprazada no lugar de Moreda, na parroquia de Lazós, que vén de beneficiarse na convocatoria do ano en curso. Neste caso concreto a Xunta apoiu a Crisanto para a construción dun almacén de 240 metros cadrados, instalación de pavimento porcelánico e panel no interior dunha parte da queixería e a compra de diversos útiles -esterilizador de coitelos, lavamáns, balanza-. Son un apoio para novas instalacións e equipamentos cos que reforzar a súa actividade e capacidade de produción e comercialización.