A Xunta destina á provincia 550.000 euros para a promoción da igualdade

A Secretaría Xeral da Igualdade destinou o pasado ano axudas por importe de 550.000 euros ás entidades locais de Lugo para apoiar aos centros de información ás mulleres e para desenvolver medidas de fomento da conciliación ou de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que actualmente está aberta unha nova convocatoria deste programa, e o prazo para presentar as solicitudes esténdese ata o día 22 de febreiro. Explicou que no pasado exercicio beneficiáronse das achegas 43 concellos lucenses, e a contía máis relevante foi a destinada ao sostemento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM). En total, preto de 486.000 euros repartidos entre os once centros existentes na provincia.

Cómpre lembrar que nos CIM as mulleres que o precisan poden solicitar axuda e información, pero non só as mulleres vítimas de violencia de xénero, senón tamén os seus familiares ou calquera outras persoas que precisen de asesoramento ou soliciten información sobre as iniciativas que organizan estes centros.

Este ano, o Goberno galego destina a esta convocatoria un orzamento que supera os 4,2 millóns de euros -cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- contía da que poden beneficiarse tanto os concellos, como consorcios, mancomunidades, agrupacións ou asociacións de municipios.

Ademais, nunha nova mostra de colaboración coas administracións locais o Consello da Xunta vén de autorizar a concesión de anticipos de ata o 75 por cento do total das subvencións concedidas nalgún destes tres programas. Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com