A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) está a avaliar unha proposta do concello de Folgoso do Courel para mobilizar terras co fin de mellorar o aproveitamento das plantacións de castiñeiros neste municipio da montaña luguesa.
A iniciativa foi proposta pola alcaldesa desta localidade, Dolores Castro Ochoa, ao director xeral da Agader, Miguel Pérez Dubois, nunha xuntanza de traballo. Neste encontro a rexedora puxo de manifesto o interese dos veciños da parroquia de Moreda para a posta en valor e recuperación dos seus soutos.
A alcaldesa sinalou ademais a necesidade de mellorar as infraestruturas na zona, para favorecer os desprazamentos que permitan unha axeitada explotación destas plantacións e seguir potenciando así o sector da castaña. Nesta mesma liña, explicoulle ao director de Agader que dada a importancia que ten este cultivo no territorio, está a xurdir a necesidade de coordinar forzas entre administracións e propietarios para a posta en marcha dunha asociación de produtores e a necesidade de colaboración cara a inclusión da zona na Indicación Xeográfica Protexida da Castaña de Galicia.
Pola súa banda, Miguel Pérez Dubois comprometeuse a estudar o proxecto, que cualificou de moi interesante, pola súa contribución á mellora da calidade de vida no rural de Folgoso e tamén polo seu potencial de mobilización de terras pouco utilizadas, para potenciar así a economía deste concello.