A Xunta de Galicia colabora co Concello de Portomarín no financiamento e impulso de distintas obras de mellora de espazos públicos da localidade que en conxunto supoñen un investimento de preto de 600.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Juan Serrano, visitaron esta mañá os traballos que se están desenvolvendo no parque Agustín del Rio.
Esta obra, xa en execución, foi galardoada co premio Galicia Parabéns outorgado por Turismo de Galicia e, en consecuencia, conta cunha achega da administración autonómica de 387.000 euros, o cen por cen do investimento previsto.
Ao remate dos traballos, nos próximos meses, disporase dun entorno público e natural, moi próximo ao embalse, con novas plantacións de carballos e outras especies autóctonas, e con iniciativas de integración paisaxística como a construción de muros verticais vexetais que ocultarán as construcións en formigón.
Ademais, o proxecto inclúe múltiples dotacións de lecer, complementarias ao propio parque, con zonas deportivas e novo mobiliario urbano: bancos, fontes, rego automático, papeleiras e renovada iluminación, que contribuirán á posta en valor do contorno e ao seu goce pola veciñanza e os centos de visitantes que recibe o municipio.
O apoio da Xunta de Galicia permitirá transformar este espazo verde nun dos concellos turísticos por excelencia da provincia de Lugo. Precisamente os premios Galicia Parabéns perseguen distinguir e así o fixeron, as mellores iniciativas realizadas para potenciar a beleza do territorio galego.