A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, vén de asinar co alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, o convenio de colaboración que permitirá ampliar e mellorar o curso fluvial do Rego das Quintas no lugar de Os Gueimondes. A Xunta ten previsto investir case 30.000 euros nesta actuación.
O obxectivo principal desta actuación é mitigar os danos provocados polas inundacións. Actualmente, o Rego das Quintas atópase con diversos obstáculos -tanto naturais como artificiais- que dificultan o curso natural da auga. Deste xeito, en épocas de maiores precipitacións ou tormentas, prodúcese ocasionalmente o desbordamento do seu caudal, o que provoca, á súa vez, perdas nos cultivos e nas estruturas das casas do contorno. Co acordo ratificado hoxe, preténdese evitar e paliar estas situacións.
Mato puxo en valor actuacións como a recollida no convenio asinado hoxe, que demostran unha clara vontade de colaboración entre a administración autonómica e a local para a posta en marcha infraestruturas e servizos que melloren a calidade de vida dos cidadáns e cidadás.