O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo,o pasado día 19, remitíulle unha carta ao Delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, para aclarar se o concello fixera algunha xestión para solucionar o caos de tráfico no enlace de San Eufrasio con Fontiñas. En contestación á información demandada dende o BNG, A Xunta vén de informar sobre as xestións mantidas entre ámbalas dúas administracións para poder enlazar os dous viais a través dunha rotonda.
Arroxo lembrou o sucedido coa zona pública de baño e afirmou “unha vez máis é o BNG quen destapa as inacción deste goberno municipal que recentemente contestou que agardaban pola contestación da Xunta para as debidas actuacións”.
“O 4 de abril de 2017 dirixiuse un escrito ao Concello, dende a Xunta, propoñendo unha posible solución pero dende o concello non se fixo nada” explicou o voceiro do BNG, tras a resposta do ente autonómico, e aclarou que “dende a Xunta incluso se propuxo a posibilidade de tramitar a cesión dun tramo da LU-530 ao concello de Lugo para que as dimensións da glorieta se poidan adaptar á normativa municipal e non á da rede de estradas da Xunta que resulta moito máis restritiva en canto ás especificacións técnicas”.
Segundo a información á que tivo acceso o BNG sobre este asunto, o 20 de febreiro de 2017 o Concello de Lugo, a través do Servizo de Enxeñería, dirixiu un escrito solicitando pronunciamento técnico sobre a viabilidade e oportunidade de construción dunha glorieta na confluencia da rúa San Eufrasio e a Ronda de Fontiñas. Con data 4 de abril de 2017, o Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas dirixe unha contestación escrita ao Concello de Lugo na que se comunica onde estaría situada a rotonda (no treito urbano da estrada LU-530, integrada na Rede Autonómica de Estradas).
Ademáis, o ente galego recoñece no escrito remitido ao Concello que “transformar esta intersección construíndo unha glorieta sería unha decisión tecnicamente acertada, e para que sexa eficiente e eficaz a contrución da mesma debe deseñarse cos parámetros axeitados”, polo que aporta, como posibilidade, ceder este treito de estrada ao concello para que, ao non ser xa un treito de estrada da Rede Autonómica, o goberno local tería competencia para construir a glorieta cos “parámetros técnicos de deseño qe considerase oportunos”.