A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe de que un total de 120 concellos están sendo beneficiarios – entre finais deste ano e principios do que vén- das actividades gratuítas en materia de promoción da igualdade que oferta a Xunta, de xeito gratuíto, no marco da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
López Abella visitou unha destas actividades, o curso de defensa persoal e autocapacidades que se celebrou hoxe en Chantada e que chegará a un total de 25 concellos. Esta actividade impártese en colaboración coa Federación Galega de Loita.
Ademais destes cursos de defensa persoal, a Administración autonómica oferta aos concellos que forman parte da Rede obradoiros educativos, exposicións e actividades de concienciación, charlas informativas, ou programas de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que teñan sufrido directa ou indirectamente a violencia de xénero.
Andaina en Palas de Rei
Previamente, a secretaria xeral achegouse a Palas de Rei para participar na I Andaina contra a violencia de xénero que organizou o concello con motivo da conmemoración hoxe, 25 de novembro, do Día internacional contra a violencia de xénero. Cómpre lembrar que mañá, domingo, terá lugar en Santiago de Compostela a andaina que organiza anualmente a Xunta de Galicia. Sairá ás 11,00 do Monte do Gozo para chegar á Praza do Obradoiro.