A Xunta de Galicia destinou nos últimos dous anos máis de 1,6 millóns de euros a mellorar as infraestruturas e servizos e impulsar o sector agrario no concello de Navia de Suarna. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, realizou este balance durante unha visita ás obras realizadas ao abeiro do Plan Marco, de mellora de camiños de titularidade municipal. Un programa que deixará preto de 110.000 euros en tres anualidades (2016-18) e cuxas obras máis recentes beneficiaron aos veciños de Vilameixide.
Os traballos realizados consistiron no arranxo de diversos tramos de acceso a fincas e explotacións agrogandeiras, que suman máis de un quilómetro de lonxitude. Nesta zona foi especialmente destacable o labor realizado cos noiros dalgunhas fincas, que presentaban risco de colapsar sobre o camiño.
Balseiro destacou que “o Plan Marco é unha evidencia máis da aposta do Goberno da Xunta polos municipios rurais, que se concreta en fórmulas de colaboración cos concellos, o investimento nos servizos públicos, e axudas para os agricultores e gandeiros”. Así, no caso de Navia de Suarna, explicou que a Consellería de Medio Rural financia traballos de desbroce, de infraestruturas de protección contra os lumes, ou tratamentos preventivos, que sumaron nas dúas últimas anualidades máis de 148.000 euros.
A través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o concello recibiu financiamento para a contratación de axentes de emprego e diverso persoal, tanto polo programa Aprol Rural como no obradoiro de emprego, cun investimento de 69.000 euros.