O novo plan de transporte público por autocar, deseñado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, permitiu incrementar en máis dun 41% o número de combinacións horarias e frecuencias semanais na zona centro da provincia de Lugo. En particular, nas comarcas de Lugo, Terra Cha, A Ulloa, Sarria e na Montaña lucense onde o número de liñas pasou das 34 que existían co plan anterior ás 48 que se prestan na actualidade.
Unha mellora que tamén se aprecia se temos en conta o incremento do número de paradas, xa que logo cos contratos vixentes con anterioridade os autocares detíñanse en 752 puntos, mentres que agora fano en 838 paradas, isto é case un 12% máis do que realizaban ata o de agora.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, tras facer balance dos primeiros meses de funcionamento do plan que, cos axustes puntuais que se introduciron, supuxo unha mellora substancial deste servizo público que redunda en beneficio dos veciños desta área e, moi especialmente, da mobilidade do rural.