A Consellería de Infraestruturas e Vivenda deu comezo na travesía de Láncara ás obras de reforzo do firme localizado nas estradas LU-621 e LU-633, nas que inviste 575.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata Láncara para coñecer o alcance e o cronograma previsto para os traballos, que teñen un prazo máximo de execución de seis meses. Na travesía de Láncara (LU-621) estase a executar a rehabilitación e repintado do firme entre os puntos quilométricos 9,600 e 11,300, actuando en todo o ancho da sección; o groso dos labores rematarán esta mesma semana.
Na LU-633, está previsto que a vindeira semana comecen xa as obras na que se desenvolverán a maior parte das actuacións. Estes traballos suporán máis do 85% do orzamento total das intervencións.
Nesta estrada repararase o firme mediante fresados e reposicións localizadas entre os puntos quilométricos 13,500 e 26,400, que comprenden 8,8 quilómetros do concello de Triacastela e 4,1 quilómetros do de Pedrafita do Cebreiro.
O delegado territorial subliñou que a Xunta traballa para “manter a rede de estradas autonómica na provincia nas mellores condicións posibles, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e a confortabilidade para os usuarios”.