O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Xunta de Galicia investirá nos vindeiros meses 100.000 euros en tres proxectos de mellora de infraestruturas no municipio de Monterroso.
Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 35.600 euros a financiar as obras de mellora na instalación de iluminación pública no parque empresarial da localidade. A Consellería establece un programa de apoios para a renovación dos polígonos e parques industriais, co obxectivo de motivar a constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial como elemento dinamizador da economía e do emprego local.
Asemade a Vicepresidencia financia con 32.000 euros a reforma do peche do punto limpo municipal, iniciativa que se sufraga a través do Fondo de Compensación Ambiental. A terceira iniciativa de recente aprobación é o Plan Marco da Consellería do Medio Rural, polo que Monterroso obterá 67.000 euros para o arranxo de camiños de titularidade municipal en dúas anualidades.
O delegado territorial sinalou que o goberno autonómico inviste en todos os concellos da provincia, “respondendo ás necesidades dos distintos municipios para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”.
Neste sentido, afirmou que a Xunta tamén procura o reforzo dos servizos, no caso de Monterroso financiando a contratación dun socorrista para a piscina ou o programa de dinamización lingüística, cun importe conxunto de 4.600 euros-, e subvenciona con 3.000 euros a Feira de Santos, festa declarada de interese turístico galego.
Obras de mellora nos colexios colexios de Albeiros e Paradai
Por outra banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina 32.293 euros á execución de obras de mellora nos colexios de Albeiros e no de Paradai da capital.
No CEIP de Albeiros realizáronse traballos para reformar aulas, e no CEIP de Paradai están en marcha as obras de arranxo dos baños situado no patio. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos incidirán nunha maior comodidade e seguridade para a comunidade educativa.
O delegado territorial afirmou que a consellería “revisa constantemente as necesidades dos centros e aténdeas segundo as prioridades, porque a aposta por unha educación pública de calidade reflíctese tamén nunhas instalacións modernas e confortables”.
Balseiro explicou que a Consellería de Cultura e Educación realiza durante o verán obras de mellora en centros educativos de primaria e secundaria de toda a provincia. “Temos neste momento máis de medio centenar de proxectos en marcha, coa intención de rematalos todos antes de que comece o vindeiro curso para así evitar os trastornos que as reparacións ou reformas poden ocasionar sobre a actividade lectiva”, asegurou.