A Xunta investirá 14 millóns nas primeiras licitacións de Rozas

A Xunta celebrou hoxe en Santiago, o III Workshop do polo tecnolóxico e industrial de Rozas,, no que se presentaron as ideas seleccionadas que se impulsarán a través das sete primeiras licitacións da segunda fase do proxecto e que, cunha inversión de 14 millóns de euros, se centrarán en mellorar, a través do emprego de vehículos non tripulados, a xestión e control de tres ámbitos socioeconómicos estratéxicos para Galicia: os recursos acuáticos, o territorio e o tráfico aéreo.

Durante o encontro, ao que asistiron: o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,  e os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e do Medio Rural, Ángeles Vázquez, avaliáronse os avances logrados neste proxecto chamado a ser o novo referente industrial de Galicia en materia de innovación.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que “o compromiso da Xunta co polo tecnolóxico e industrial de Rozas, que conta cun investimento total de 150 millóns de euros, supón unha aposta polo incremento da competitividade con base na innovación, a creación de emprego estable, a atracción de capital privado a Galicia, o desenvolvemento do sector aeronáutico galego e de cadeas industriais na área de influencia, a promoción do traballo que realizan as universidades e centros tecnolóxicos con sede en Galicia, e pola capacidade da comunidade de exportar tecnoloxía punteira”.

Tras abrir un período de consulta para coñecer as propostas do mercado e no que se presentaron preto de 150 ideas, das que 104 corresponden a empresas e entidades galegas, Conde explicou que nesta segunda fase de Rozas, denominada Fase de Solucións, sacaranse a concurso os primeiros sete proxectos.

Con estas licitacións, a Xunta empeza a executar o convenio firmado co Ministerio de Industria, Economía y Competitividad para desenvolver a Fase de Solucións, que conta cun investimento global de 24 millóns de euros, dos que 14 millóns se destinarán ao financiamento destas sete primeiras solucións.

“Rozas é unha oportunidade para construír entre todos o novo corazón industrial de Galicia; unha oportunidade para captar novas inversións e o talento máis innovador, coas nosas universidades e centros tecnolóxicos como asociados; e unha oportunidade para seguir creando emprego de calidade”, afirmou o conselleiro.

Asociación para a Innovación

Conde destacou que Rozas situará a Galicia non só como pioneira no sector dos vehículos non tripulados, senón tamén na tramitación dos procesos de contratación dos servizos, tendo en conta as necesidades reais dos cidadáns e o que poden ofrecer desde o propio mercado.

Así, ademais da compra pública innovadora e a precomercial, a Xunta engade nestas licitacións unha terceira ferramenta: a Asociación para a Innovación, o que permite traballar a empresas e administracións de maneira coordinada tanto no deseño e creación dos servizos solicitados como na súa posterior venda no mercado.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com