A Xunta investiu máis de 84.000 euros en obras de mellora do mercado e o camiño de Riocereixa, en Pedrafita do Cebreiro

A Xunta de Galicia investiu 84.220 euros en dúas actuacións de mellora de infraestruturas desenvolvidas nos últimos meses en Pedrafita do Cebreiro, e que afectaron ao mercado gandeiro e ao camiño de San Pedro de Riocereixa.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe á localidade e acompañado polo alcalde da localidade, José Luis Raposo, destacou “o apoio da Xunta aos concellos rurais no referente á dotación de servizos e ampliación e modernización de infraestruturas,  para dinamizar a actividade económica e fixar poboación nestes municipios”.

Nas instalacións do mercado pechouse o lateral cunha xanela corrida abatible para mellorar a funcionalidade, comodidade e estética do edificio. Polo que respecta á nave usada para venda ambulante, renovouse o solado, abriuse unha porta peonil e instalouse unha porta    industrial automatizada de dimensións axeitadas para o servizo do mercado.

Balseiro explicou que o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego prestando especial atención á imaxe, a presentación do produto e a prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.

Polo que respecta á mellora do camiño de Riocereixa, a obra foi sufragada mediante o Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Os traballos afectaron a algo máis dun quilómetro de vía e consistiron na mellora do pavimento mediante a adición dunha capa de seis centímetros de aglomerado asfáltico sobre o firme e a rodadura existentes.

Así mesmo, actuouse sobre as cunetas para mellorar as condicións de drenaxe das augas pluviais e instalouse un tramo de bionda de protección nun treito de curva para incrementar a seguridade viaria.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com