A Xunta inviste preto de 180.000 euros en obradoiros de emprego

O Delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Ponte de Areas, promovido polos concellos de Guntín, O Corgo e O Páramo, e que realizou traballos de recuperación de diversos espazos públicos nestes municipios.

Balseiro destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou con preto de 180.000 euros esta iniciativa, que remata mañá, e destacou que os 20 alumnos traballadores recibirán un certificado oficial de profesionalidade que os habilita para exercer en todo o Estado o novo oficio aprendido.

Durante a visita, o delegado estivo acompañado polos alcaldes de Guntín, Jesús Carreira; O Corgo, José Antonio Ferreiro, e O Páramo, Gumersindo Rodríguez.

Balseiro explicou que os obradoiros de emprego cumpren a dobre función de mellorar a empregabilidade dos participantes e realizar obras e servizos de interese comunitario, en beneficio dos municipios que os acollen, á vez que son unha canle de colaboración entre as administracións autonómica e local.

O delegado lembrou que un dos eixos principais da Axenda de Emprego da Xunta de Galicia é a “capacitación e especialización dos traballadores e traballadoras galegos” e que é especialmente importante que a formación “responda aos perfís profesionais que precisan as empresas para ser competitivas”.

19 proxectos para 51 concellos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou nos últimos seis meses 19 obradoiros de emprego na provincia, que suman un investimento de máis de 3.200.000 euros. Desenvólvense en dúas fases; a primeira comezou en agosto e remata estes días mentres que a segunda afecta a 9 proxectos que se iniciaron en setembro e se prolongarán ata finais do mes de marzo -entre eles tres especificamente dirixidos a menores de 30 anos-. En total, implicáronse nos obradoiros 51 concellos lucenses e 437 traballadores, 361 deles alumnos. José Manuel Balseiro apuntou que a Consellería de Economía xa ten en marcha unha nova convocatoria de obradoiros de emprego, que será publicada proximamente no DOG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com